TRIATLÓN ARTEIXO 2013
Fotografía: Doris Fernandes
Hoxe domingo 16 de xuño o furgón do Club Atletismo Porriño arrincaba as 7:00 rumbo ao norte: o obxectivo era chegar á praia de Sabón, en Arteixo, onde ía ter lugar o III Triatlón de Arteixo do Circuito Galego de Triatlón. Sobre as 9:00 os catro triatletas participantes, Iago Sobreira, Sandra Sobreira, María Martínez e Ismael Lago Monroy, chegaron ao seu destino. O ceo cuberto prometía unha xornada de tempo revolto, na que a mar amosouse especialmente brava.
Iago Sobreira na primeira proba do ano
Fotografía: Doris Fernandes
O primeiro en competir foi Iago Sobreira na proba popular, que ás 10:00 tivo que enfrontarse ás olas de mais de dous metros que azotaban o areal de Sabón. Iago nadou os 300 metros sen neopreno, algo moi salientable tendo en conta que moitos participantes de categorías superiores renunciaron a participar polo mal estado da auga e pola súa temperatura. Tras saír da auga e facer unha rápida transición, fixo unha moi boa bici que lle permitiu correr unha carreira a pe a pleno rendemento. Acadou un meritorio posto na clasificación xeral, e rematou 4º na súa categoría.
Sandra Sobreira saindo da auga
Fotografía: Doris Fernandes María Martínez no podium Fotografía: Doris Fernandes
Ao remate desta primeira proba, María Martínez e Sandra Sobreira disputaron a proba feminina. A saída foi ás 11:00 da mañá, e o estado da auga empeorara, pero as nosas triatletas saíron moi seguidas na primeira ducia de postos. Isto permitiulles saír e facer unha excelente bici, a pesar de que este grupo foi moi disperso. Finalmente chegaron á carreira a pe, na que María Martínez rematou no 6º lugar na categoría xeral e en 2º lugar na categoría sub-23, e Sandra Sobreira, que chegou no 14º puesto da xeral e foi 4º na sub-23.
Ismael Monroy no sector da bicicletas
Na proba élite masculina, Ismael Lago Monroy por fin puido disputar un triatlón esta temporada en plenas condicións físicas, e viuse preparado para enfrontar a difícil natación que presentaba a praia de Sabón. Xa fora da auga, foi capaz de meterse nun bo grupo de bici que lle permitiu recuperar algúns postos. Tamén na carreira a pe superou a outros participantes, chegando a meta nun salientable posto 22º.
Ismael é o primeiro compoñente do Club que logra clasificarse para o Campionato Galego que terá lugar no mes de agosto en Lugo, e non será o único, posto que esperamos que en Poio, Ferrol e Pontevedra mais dos nosos triatletas logren a nosa clasificación.
Grazas a Doris Fernandes pola crónica e fotografías.