Porriño sube ao podium no “Lúatlon” solidario do Grove
O Grove, 02/02/2014
O Grove organizou un importante dúatlon que acadou cifras de participación inesperadas. Máis de 900 inscritos ateigaron o porto do Grove neste domingo, tinxido de vermello pola marea de varias decenas de persoas voluntarias e membros da organización que portaban a equipación do evento, en memoria de Luis Miguel Figueiro Romay (coñecido por familiares e amigos como “Lú”, de aí a denominación de “Lúatlon”). No ambiente podíase respirar o carácter solidario e popular, que combinado coas ganas de levar esta novidosa proba adiante, fixeron desta unha xornada entrañable.
A vocación deste dúatlon era o de achegar o maior número de deportistas a participar, polo que se organizaron probas de esixencia variada para que todos os (du)atletas atoparan o seu lugar. O lúatlon “enano” (para cativos), o lúatlon (1’25 km-5 km-1’25 km), o lúatlon mini-sprint (2 km-10 km-1 km) e o lúatlon sprint (5 km- 20 km- 2’5 km) foron os retos presentados nun circuíto desenvolvido á beira do mar que percorría a zona portuaria de punta a punta, chan, rápido e algo esvaradizo por mor da choiva, que non deixou de ameazar ao longo da mañá.
Doris, Sandra e Iván.
Doris Fernandes debutou na modalidade “lúatlon” facendo unhas tranquilas carreiras a pé e unha bici moi cómoda na que puido recuperar moitas posicións, o que lle permitiu rematar con moi bo ánimo e desfrutar desta primeira experiencia. Pola súa banda, na modalidade “mini-sprint” David Alonso fixo unhas carreiras a pé moi resoltas, equilibradas cun traxecto en bici que lle permitiu acadar o 2º posto na clasificación masculina. Na categoría “sprint”, Iván Reguera amosou gran enteireza de principio a fin, resolvendo moi ben a carreira a pé e facendo tamén unha bici rápida. Rubén Sío fixo unha demostración de velocidade moi importante, tanto na carreira a pé coma na bicicleta, aproveitando a cualidades do circuíto. E finalmente, Sandra Sobreira fixo unha boa bici e unha excelente carreira a pé coa que puido destacar, acadando o 2º posto na clasificación feminina. Parabéns a tod@s!
Grazas a Irene Sobreira polo apoio loxístico, polos ánimos e as fotos.
Asinada: Doris Fernandes, coa aportación dos comentarios dalgúns participantes
Fotos: Irene Sobreira e Doris Fernandes. Eiquí