CAMPIONATO DE GALICIA DE CAMPO A TRAVÉS, Veteráns – FENE 2016

CAMPIONATO DE GALICIA DE CAMPO A TRAVÉS, Veteráns – FENE 2016

 

Domingo 6 de marzo, 7:15 AM, 3º C, saímos de Porriño dirección Fene para participar no Campionato de Galicia de Campo a Través de Veteráns.
Aínda era noite e os nervios vencían ao sono, esa ansiedade pre-competitiva propia da nova situación, a participación no meu primeiro cross, que desaparecería ao empezar a correr.
A pesares da distancia, dentro do furgón do club o tempo pasou rápido, chegando ao noso destino, despois dun alto no camiño para un pequeno avituallamento (para algúns non tan pequeno), sobre as 9:45.
Tempo suficiente para inspeccionar o terreo. Herba alta e moita auga que anunciaban unha dura carreira.
O tempo seguía a pasar moi rápido. Entre cambiarse, probar os cravos, colocar o dorsal, quecer un pouco… xa houbo que acudir á cámara de chamada. E aí estabamos Mónica Pena, Irene Sobreira, Gloria Bugarín máis eu. Gloria estreábase comigo neste tipo de competición, eramos as debutantes.

IMG-20160306-WA0008
Irene,Mónica, Gloria e Rosa

Ás 11:00, deron a saída. O grupo de veterás era o primeiro que corría e a herba e a auga convertíanse a cada paso en lama que dificultaba volta a volta o percorrido. Xusto ao empezar a carreira o sol ocultouse, levantouse un vento frío acompañado dunha chuvia xeada, mesmo saraiba. Xa daba igual, estabamos molladas e cubertas de lama así que unha pouca de auga fría non cambiaba moito as cousas. A primeira volta foi de recoñecemento e aprendizaxe, as seguintes, con cada vez máis lama, de aguantar o ritmo, manter a posición e tratar de gañar algunha máis dentro das posibilidades que as forzas restantes permitían. A primeira en chegar a meta foi Irene (16ª), seguida de Mónica (25º), despois cheguei eu (42ª) e detrás Gloria (49ª). Como equipo acadamos a sexta posición.
Ás 11:35 chegaba a quenda dos veteráns masculinos onde participaban José Burgos, César Pérez, Alex Castro e Manu Castro. O terreo poñíase cada vez peor pero fixeron unha boísima carreira. O primeiro en entrar foi o noso compañeiro Burgos (13º) seguido de César (20º), Alex (37º) e Manu (46º), acadando o terceiro posto como equipo, a pesares de que Alex sufríu algunha molestia que foi quen de superar, sumando puntos para o seu equipo. Parabéns a todos!
Unha mágoa non quedar a recoller o seu merecido trofeo, xa que por erros na publicación de resultados non nos decatamos ata o día seguinte de que conseguiran esa terceira posición.
Xa eran as 12:00 cando deron a saída da última carreira na que participaba o noso compañeiro Marcos Francés, que ademais nos fixo de chofer tanto a ida como a volta. Por unha banda tivo a sorte de que o sol saíu a acompañalo nesta hora pero por outra tamén lle tocou correr co terreo en peor estado, xa moi machacado despois de tanto remexer todos e todas nós na lama. Fixo tamén unha moi boa carreira acadando a 9ª posición na súa categoría.
Todo isto aderezado e alentado por Sandra, Iria (que non puido participar por lesión), María, e a familia de Gloria (os pequenos campións) que non deixaron de animar e sacar fotos para o recordo.
Logo, algo de comer e beber para repoñer forzas e moitas risas tamén.

Un día distinto, especial.

Crónica: Rosa Martín

Share this post