Campeonato de España de Duatlón Categoría Cadete Femenino (Cerdanyola del Vallès, 2 de abril de 2016).
Iria chegou venres pola mañá en avión, mentres que a bicicleta facía o percorrido en coche desde Galicia. Unha mañá especialmente chuviosa para o cotián neses lares. Tempo para ollar o circuito de bici, primeiro, e o de carreira a pe despois. Ambos percorridos técnicos e duros. A dúbida estaba ne elección da estratexia. Sabedora da súa superioridade na carreira a pe, a cuestión era decidir se merecía a pena reventar a carreira desde o principio, para gañar 15 ou 20 segundos, e facer todo ou parte do percorrido de bici en solitario, ou optar por imponer un forte ritmo pero indo cómoda (para ela), e tratar de aguantar a bici en grupo, para atacar no derradeiro segmento a pe.
Así foi. Marcou un ritmo de 3.37 nos primeiros 2,5 Km, con constantes cambios de ritmo, tirando sempre do grupo, en especial nas subidas, para facer a carreira máis dura. Chegou primeira á transición, pero cun pequeno grupo xusto detrás. Fixeron toda a bici xuntas, sen grandes problemas, incluso intentando nun par de ocasións romper o ritmo algo cansino que levaban. Pero como non puido ser, en canto deixou a bici na segunda transición xa marchou coma un foguete, e nos primeiros 200 metros xa se distanciara de forma notable do resto. Como o último treito de 1.25 Km era en subida, non necesitou moito máis, mantendo un ritmo de 3.32 e entrando en meta con 14 segundos sobre as dúas rapazas que quedarían segunda e terceira, que entraron xuntas. Gran carreira, que a debe seguir animando para mellorar, porque aínda queda moito traballo por diante.
Crónica: José Antonio Rodríguez
Fotografía: José Antonio Rodríguez